mércores, 30 de abril de 2014

O MERLIN DOS QUINQUILLÁNS

Hoxe, 30 de abril, todos os rapaces e rapazas do colexio asistimos xunto cos nosos compañeiros do CEIP Plurilingüe e o CPI  da Picota a unha representación teatral da Compañía Teatral OS QUINQUILLÁNS na Casa da  Cultura da Picota.

Tratábase da obra titulada Merlín escrita por Lucho Penabade e dirixida por el mesmo xunto con Tero Rodríguez.
Os actores son Pepe Soto, Tero Rodríguez, Inacio Vilariño e Luco Penabade.

FURAVENTOS arriba a súa dorna na praia das Tebras sen sospeitar que está en Avalón,a mítica illa onde, grazas ás mazás da inmortalidade, MERLÍN, MORGANA e o rei ARTUR llevan vivindo mil cincocentos anos.
O noso intrépido FURAVENTOS terá que sortear moitos atrancos porque en Avalón nunca se sabe o que pode ocorrer.

Aquí tedes as fotos da nosa cita teatral.
Pasámolo en grande!!!



En Avalón non hai farmacias, nin hospitais, nin tarxetas sanitarias.. Ante todo, os habitantes de Ávalon
tratann de coidarse previndo as enfermidades: non collendo fríos, quitándose a roupa húmida despois de suar, bebendo moita auga, comendo de todo e ás súas horas, durmindo o que lles fai falta...
Ainda así enferman e claro, Morgana é a que se encarga de curalos, grazas aos remedios que aprendeu dos seus antepasados e grazas tamén a todas as riquezas que a natureza nos ofrece. Como este ano estamos traballando sobre o tema da gastronomía PROXECTO PAPACONTOS ZAMPALIBROS, y estes remedios están directamente relacionados con ela, aquí vos deixamos algunhas dan cousas que nunca faltan na botica de Morgana:

  • AUGA DO MAR, o mellor para lavar e axudar a cicatrizar as feridas. Morgana acostuma a dicir “Sal mariña, non hai mellor menciña”
  • TEA DE ARAÑA, si, si... das que están por detrás dos mobles, e entre as lámpadas... Morgana envolve as feridas con esa tea de araña e para de sangrar.
  • ALLO, para as picaduras de bichiños pequenos, mosquitos, moscas... Morgana corta un allo pola metade, refrega na picadura e... marcha o comechón rapidamente. Ela recomenda non rañar, que canto máis se raña máis proe. Tamén é bo comer allo cru para baixar o colesterol, aínda que o mellor para isto é tomar cousas sans, poucas lambetadas e poucos bolos deses envoltos en plástico...
  • CEBOLA, fantástica para combater a conxestión e o catarro que non deixan durmir pola noite. Cando Merlín ten moita tos ou ten o nariz tapado, Morgana mándalle picar cebola e poñela nun pratiño na mesiña de noite, perto da almofada. Cando Merlín fai isto durme coma un leirón!
  • OUREGO, falamos dese mesmo ourego que se lle bota ás pizzas. Se tomades unha infusión de ourego acabaredes cos catarros e coas afonías máis persistentes. Fervedes auga, botádeslle unha culleriña de ourego, deixádelo repousar cinco minutos, coládelo, botádeslle unha culleriña de mel á auga, bebédela... e uhmm! Non hai tos que resista!
  • CLARA DE OVO, moi bo para as queimaduras superficiais. Simplemente hai que botar a clara enriba da queimadura.
  • ESTRUGA ou ORTIGA. Esta é unha planta que estades fartos de ver polos camiños e que seguro que lle tendes moito medo, pero que é boísima para moitas cousas, tanto se pode tomar por dentro coma por fóra. Cocéndoa en auga e bebendo a infusión ou coméndoa nun revolto con ovo, axuda a medrar porque ten moito calcio e moitísimo ferro. Ao mesmo tempo é diurética, por iso baixa o ácido úrico. A auga de ferver as estrugas tamén se pode usar para lavar a cabeza, deixa o pelo limpísimo e sen caspa. E se hai dor de costas, unhas freguiñas con esta auga e estades curados. A estruga é tan útil, tan útil, que a natureza púxolle uns peliños nas follas para que piquen a quen as queira arrincar. As estrugas só queren ser recollidas por aqueles que saiban valorar as súas propiedades. Se queredes collelas, cunhas luvas e con moito coidadiño.
  • MENTA. Se vos picades cunha estruga, non vos preocupedes, a natureza, que é sabia e moi boa, tamén vos dá remedio. Colledes un pouquiño de menta, que seguro que hai por alí cerca, e refregádela na picadura. Veredes que rápido pasa.
  • MAZÁ. Crúa, asada, cocida, en zume, en vinagres, para facer sidra... É a menciña máis apreciada polos habitantes de Avalón: comer unha mazá axuda a lavar os dentes cando non se ten cepillo a man, facilita a dixestión e contribúe a baixar o colesterol e a adelgazar porque é diurética e depurativa. O seu vinagre úsase para eliminar os fungos dos pes, e para fortalecer as uñas e evitar que rompan. Tamén se usa como desodorizante, aplicándoo nas axilas ou nos pés. Pero Merlín, Morgana e Artur tamén aprecian as mazás porque din que son elas as que lles conceden a inmortalidade. n Avalón hai moitos tipos de mazás Marafouzas, Tres en cunca, Roxa de Xullo, Camoesa, Arriscada, Pel de sapo, Ramona...

Ningún comentario:

Publicar un comentario