xoves, 5 de marzo de 2015

A HISTORIA INTERMINABLE

A historia interminable, tamén coñecida como A historia sen fin, é unha novela fantástica do escritor alemán MICHAEL ENDE. Dende a súa primeira publicación (no ano 1979), foi todo un éxito, sendo traducida a máis de 36 idiomas e adaptada para diversas producións cinematográficas.
Segundo conta o propio autor, a novela expresa o desexo de atopar a realidade que nos rodea a través de percorrer o camiño inverso, é dicir, a parte interior de cada un que se atopa na súa imaxinación:

"Cando nos fixamos un obxectivo, o mellor medio para acadalo é tomar sempre o camiño oposto. Non son eu que inventou dito método. Para chegar ao paraíso, Dante, na "Divina Comedia", comeza pasando polo inferno. (...) Para atopar a realidade hai que facer o mesmo: darlle as costas e pasar polo fantástico. Ese é o percorrido que leva a cabo o heroe de A historia interminable. Para descubrirse a si meso, Bastián debe abandonar primeiro o mundo real (onde nada ten sentido) e penetrar no país do fantástico, no que, polo contrario, todo está cargado de significado. Sen embargo, hai sempre un risco cando se realiza tal periplo; entre a realidade e o fantástico existe, en efecto, un sutil equilibrio que non debe perturbarse: separado do real, o fantástico tamén perde o seu contido". (MICHAEL ENDE)

Invitámosvos a todos os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º a coñecer esta estupenda historia, xa que o vindeiro mércores, día 11, asistiremos a dous espectáculos na Casa da Cultura de A Picota: un deles consiste nun contacontos en inglés; o segundo será a proxección de fragmentos da película realizada sobre esta marabillosa novela, que de seguro vos enganchará a todas e todos. A sinopse da mesma podería ser a seguinte: escondido no faiado do seu colexio, Bastián devora durante as horas de clase un libro enigmático, A historia interminable, que relata a progresiva destrución do Reino da Fantasía. Unha especie de "Nada" misteriosa destrúe o país e as criaturas que o habitan. A medida que avanza na lectura, Bastián dase conta de que a salvación de Fantasía depende del; de que consiga entrar dentro do libro...  Aquí podedes ver o tráiler dunha das súas adaptacións ao cine:


Apetécevos saber máis? No seguinte enlace tedes algunhas actividades que podedes traballar antes e despois de ver os fragmentos do filme seleccionados:

Ningún comentario:

Publicar un comentario