venres, 20 de maio de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS E OS MAIOS

Aínda que uns días despois do 17, celebramos o Día das Letras Galegas unido á festa dos Maios. Tivemos un día moi fermoso no que puidemos construír o maio con todas as flores, herbas e ramiñas que achegastes ao cole. Entre todas as persoas que nos reunimos no patio do cole logramos que quedara moi fermoso e que fora o decorado ideal para cantar e entregar os premios do Concurso de Poesía e Ilustración que convocamos nesta ocasión. Primeiro cantamos "O Maio de As Nogais", que xa sabemos tan ben! Despois, Nuria, Claudia, Sheila, Adrián e Andrea recitáronnos un poema de Manuel María titulado "A muiñeira" e a continuación bailamos a "Historia da muiñeira", con música de Pirilampo. Animouse todo o mundo e foi estupendo ver que da roda formaban parte todas as persoas que estaban no patio, excepto o noso querido Pablo, que ten que andar coa perna estirada durante unha temporada, e o profe David, que se encargou de facer as fotos. Tamén faltaron algunhas meniñas e meniños e algúns mestres e mestras... Botámolos de menos, pero adicámoslles o baile con moito cariño. A continuación podedes ver as fotos desta tardiña:



E, para rematar, entregamos os premios ás gañadoras e gañadores do Concurso das Letras Galegas. Nesta ocasión, os premiados foron:
-a aula de Educación Infantil, pola súa ilustración sobre o poema "O caracol", de Manuel María;
-Iria López Carreira, que levou o Premio especial do xurado polo seu poema "Gústame nadar";
-Jorge Lema Zamora gañou o Premio de 1º e 2º de Primaria co poema "O mariñeiro Manolo";
-Ainhoa Cal Currais escribiu a poesía "Casiña, casiña" e levou o Premio de 3º e 4º;
-Rubén Blanco Pereira atreveuse a resumir a vida de "Manuel María" nun poema, e levou o Premio de 5º e 6º.

Ademais de recoller o premio da man das súas titoras, todos leron as súas marabillosas creacións, e podemos asegurar que no noso cole a poesía ten futuro!!! Non a abandonedes, rapaciñas e rapaciños, estade atentas e atentos a ela, porque a poesía está en todas partes. O acto desta tarde, sen ir máis lonxe, foi moi poético!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario