martes, 31 de xaneiro de 2017

PODE A MÚSICA PARAR UNHA GUERRA?

Onte celebramos o Día da Paz, e no cole reunístesvos para montar parte da partitura que compuxo Beethoven e que forma parte da súa 9ª Sinfonía: a coñecida "Oda á alegría". Cada aula decorou os compases que lle tocaron dunha maneira moi fermosa, así que vos felicito a todos!!! Emocioneime vendo como seguiades as notas cando comezou a soar a música e canta o barítono... 
Sei que nas aulas falastes de paz, pero tamén de cousas que significan todo o contrario. Alguén pode preguntarse: se a música é tan poderosa, pode chegar a parar unha guerra? Pois vouvos contar unha historia que me gustaría que gardarades na vosa memoria. Aquí vos vai:


Para que serve a música? Nas lecturas do proxecto integrado deste curso ofrécense varias respostas a esta pregunta, pero hai moitas máis. Desde aquí queremos contestar a unha pregunta concreta: Pode a música parar unha guerra?
Esta historia verdadeira comezou na Noiteboa do ano 1914, no máis cruel dunha guerra especialmente cruel: a Primeira Guerra Mundial. As tropas británicas e as do imperio austrohúngaro estaban bloqueadas en todo o norte de Europa: ningún exército podía superar ao outro. Librábanse duras batallas por conquistar metros de terra que ao dia seguinte se volvían perder. Como os exércitos non avanzaban (nin podían deixar que o outro avanzase), construíronse trincheiras, que son escavacións estreitas e longas onde se colocaban os soldados para disparar e protexerse do fogo inimigo. Estas trincheiras recibiron o nome de fronte occidental: dúas liñas escavadas na terra, separadas por poucas decenas de metros, que ían desde Suíza ata o Mar do Norte.
A vida dos soldados era tan dura como se poida imaxinar xa que tiñan que permanecer alí, ao aire libre, chovese, nevase ou ventase. Nesas condicións chegou a Noiteboa do ano 1914, e aqueles soldados atrapados no medio do monte puxéronse a celebralo como podían nesas situacións. E puxéronse a cantar. E sucedeu que o bando alemán empezou a cantar unha panxoliña que en alemán se chama Stille Nacht, en inglés Silent night, e é a mesma canción que nós coñecemos como “Noite de Paz”. E como todos coñecían a canción, amigos e inimigos puxéronse a cantar xuntos e intercambiarse saúdos e felicitacións.
Á mañá seguinte, no día de Nadal, acordouse unha tregua durante a cal se aproveitou para recoller aos compañeiros caídos e celebrar un acto pola súa memoria. Tamén se intercambiaron presentes... e mesmo se xogou ao fútbol!

A chamada TREGUA DE NADAL estendeuse a outras zonas, e aínda que nalgúns lugares só durou un día, noutros casos a tregua mantívose ata o mes de febreiro.

Sobre esta historia tan especial fixéronse libros, películas, música... mesmo un anuncio bastante axustado á realidade:

O músico e antigo membro dos Beatles, Paul McCartney, tamén falou deste suceso no vídeo que fixo para a canción Pipes of peace:


Así que... pode a música parar unha guerra? Pode! E mesmo evitala, como ocorreu na Revolución dos Caraveis... Pero diso xa falaremos noutra ocasión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario