martes, 25 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro. Nesta ocasión, ao coincidir cun domingo, decidimos adiantarnos o venres á celebración, aínda que algunhas das actividades programadas prolongaranse ata a semana que vén. 
Este é o cartel no que se anuncian as actividades colectivas:



Durante a tarde desenvolvemos parte delas. Xuntámonos no patio do cole para ler o poema que cada ano por esta data edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta ocasión, o texto é de Rosalía Fernández Rial, unha poeta que nos leva co libro ao mundo da palabra e da música! Podedes lelo aquí:



Despois, cantamos xuntos a canción "O libro máxico", do grupo Migallas, que rematamos cos abrazos que tanto nos gusta dar e recibir!!! Ademais, nesta ocasión puidemos compartilos tamén con Joaquín Castaño, que pasou a mañá connosco, facendo varias sesións de mindfulness nos diferentes niveis educativos.

E por último chegou o momento dos apadriñamentos e amadriñamentos lectores. O día tan espléndido que tivemos permitiu que tiveramos unha grande oferta de espazos nos que poder desenvolver as lecturas elixidas: as sombras do patio, as aulas, a sala de profes, as escaleiras... Coma sempre, desfrutamos moito deste ratiño léndonos, ao que nesta ocasión engadimos a creación de ilustracións sobre as historias que tiveron a sorte de ser elixidas. Aínda estou vendo o fermosas que quedaron, pero en canto poida, prometo ensinárvolas a todas/os.

E sei que andades tamén deseñando os vosos marcapáxinas. Estou desexando velos!!! Mentras tanto, podedes ir vendo as fotiños que fixemos durante esta xornada tan especial premendo AQUÍ.

luns, 24 de abril de 2017

RECIBIMOS A JOAQUÍN CASTAÑO

JOAQUÍN CASTAÑO é responsable da Escola Internacional de Ioga en Galicia e nas Illas Baleares. A súa paixón por introducir o ioga e a meditación no ámbito da educación levouno a formarse como mestre de ioga para nenos/as e desarrollou varios programas en colexios e centros galegos, ademais de impartir formación a docentes.
Este curso, os mestres e mestras do cole estamos levando a cabo un grupo de traballo sobre Mindfulness. O mindfulness, tamén coñecido como conciencia plena, é unha das maneiras de practicar a meditación.
Diversos estudos demostran que a práctica de mindfulness pode convertirse nunha ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas en moitísimos aspectos: autocontrol, saúde, adaptación a situacións adversas, etc.
Por este motivo, quixemos invitar a Joaquín a realizar un obradoiro coas nenas e nenos do cole. E con ese obxectivo nos visitou o venres, 21 de abril. Ao longo da mañá, Joaquín compartiu ratos moi agradables nos diferentes grupos, desde Infantil ata 6º de Primaria, traballando en pequenos grupos algunhas das actividades que podemos incluír na nosa vida diaria. Unha delas tamén a practicamos no comedor, xuntándonos todas as persoas para adicar uns minutos á respiración, tratando de concentrar toda a atención neste acto indispensable para a vida.
O resultado foi moi positivo! Tanto que todas as persoas que participamos nesta xornada queremos repetir!!! JOAQUÍN, MOITÍSIMAS GRAZAS!!! A través das imaxes realizadas durante esta mañá podedes comprobar o moito que significou incluír esta actividade na rutina escolar (premede AQUÍ para velas). O noso desexo agora é que continúe e que tamén se vaia instalando nos fogares das familias do noso alumnado...

DÍA DA TERRA 2017

O sábado 22 de abril foi o Día da Terra. E Google adicoulle o doodle, así que aquí vos quero deixar o enlace para que poidades ver a historia dun raposo que un día soña co final do noso mundo. Que decide facer este animaliño en canto esperta? 



O Día da Terra foi instaurado polo estadounidense Gaylord Nelson, para concienciar á xente da importancia de coidar o planeta. O primeiro ano no que se celebrou foi en 1970, cando dúas mil universidades, dez mil escolas (de Primaria e Secundaria) e centenares de comunidades aceptaron esta proposta.
Esta boa iniciativa foi moi ben acollida desde a súa creación, sendo unha oportunidade para xuntarse por un mundo limpo e non maltratado polo ser humano. Sempre podemos facer algo a favor do planeta; non tiremos a toalla!!!


SOBRE LIBROS E MÚSICA

Mirade que vídeo tan fermoso me enviou un bo amigo!!! Chegoume xustamente hoxe, un día despois de que se celebrara o Día do Libro, pero quero compartilo con vós porque a mensaxe debería manterse ao longo dos 365 días do ano: conseguir a paz no mundo, algo para o que o protagonista do vídeo é posible a través dos libros!!!



Por outra parte, e relacionando o tema da música coa literatura, quería contarvos que tamén hai moitas persoas compositoras que se inspiran en libros. Premendo sobre a imaxe podedes atopar 15 cancións que falan de libros.




Tamén quero deixar dous vídeos para os e as máis pequerrechos/as do cole. O primeiro é de Disney; como se dunha "Hora de ler" musical se tratara, titúlase "A hora da sinfonía":


O seguinte, tamén é un contiño sobre o son, "A illa dos sons". Está realizado por unha directora e compositora que nos presenta as diferentes familias de instrumentos, ao tempo que soan algunhas das melodías clásicas máis coñecidas por todos nós:
  

E, por último, "A terra da música", unha curtametraxe de Disney que conta a historia de amor entre unha rapaza violín e un rapaz saxofón que viven en lugares distanciados: ela, no país Sinfonía; el, na illa do Jazz. O amor xurde entre ambos, pero poderán xuntarse a pesar do distanciados que viven?


mércores, 5 de abril de 2017

VISITOUNOS CONCHA BLANCO

A mañá de hoxe foi moi especial no cole. O motivo? Recibimos a visita da escritora CONCHA BLANCO, como xa anunciaramos hai varias semanas. Tres días despois de que se celebrara o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, recibir a unha das escritoras en lingua galega máis coñecidas foi todo un orgullo para nós.
Despois do recreo xuntámonos na biblioteca, e alí Concha falounos un pouco de datos históricos que sucederon o 5 de abril de diferentes anos. Tamén nos lembrou datas relacionadas cos libros e outras anécdotas máis persoais. Pero o momento no que mellor o pasamos foi cando puidemos facerlle as preguntas que fomos apuntando durante esta temporada, preguntas que xurdiron tras ler a súa autobiografía ou algunha das súas obras. E Concha contestou tranquilamente unha por unha, convertendo a sesión nun rato moi entretido. Así, descubrimos cal é o seu escritor preferido, por que lle gusta escribir dentro do coche, como se fixo escritora, as súas afeccións, se prefire comezar a escribir as súas historias a man ou directamente no ordenador, cales son as súas temáticas preferidas..., e un montón de cousas máis!!! 
Despois, firmounos algúns dos exemplares dos nenos e nenas que os trouxeron ao cole, e tamén algúns dos que temos na biblioteca e que tanto nos gustan. Un deles, ademais, inspirou ao profe Óscar para preparalo con música, e esta foi a nosa maneira de agradecerlle a Concha a súa visita ao noso centro: cantando e lendo o poema "Un, dous, tres" do seu libro "Do, Re, Mi, fantasía". E pensamos que lle gustou moito!!! Como seguro que lle gustaron os agasallos das meniñas e meniños de Infantil, e que Concha levou para a súa casiña.
Desde aquí queremos agradecer a posibilidade de reunirnos con Concha a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, que nos facilitou este encontro e moitas outras cousas! Graciñas ás dúas por facer posible un rato tan agradable.

Quen sabe se desta xuntanza sae algunha historia, ou algún escritor ou escritora?

Premede AQUÍ para ver todas as fotos do encontro.

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O pasado domingo, 2 de abril, celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil. A data non é unha casualidade: coincide co nacemento do escritor danés Hans Christian ANDERSEN. "A Sereíña", "O parrulo feo" ou "O soldadiño de chumbo" son algúns dos títulos dos libros de Andersen que seguramente coñezas. 
Cada ano, ademais, un ilustrador elabora un cartel e encárgaselle a un escritor un texto para a celebración. Nesta ocasión o país elixido foi Rusia. O cartel elaborouno Mikhail Fedorov, e o texto foi escrito polo poeta Sergey Makhotin, que traduzo aquí ao galego para todos vós:

Medremos cos libros!
Na miña infancia gustábame construír casiñas con bloques e todo tipo de xoguetes, adoitaba usar como tellado libros infantís ilustrados; en soños, subía ata o interior da casa, deitábame na cama feita con caixas de mistos e contemplaba as nubes ou o ceo estrelado, todo dependía da imaxe que máis me gustara. 
Instintivamente, seguín a lei de vida de todo neno que busca inventar ambientes e, para conseguilo, un libro foi de auténtica axuda.
Despois medrei e aprendín a ler; na miña imaxinación, un libro comezou a parecerse máis a unha bolboreta ou a un paxara que a un tellado. As páxinas do libro eran como ás e susurros. Era como se o libro saíra voando inesperadamente pola ventá aberta hacia espazos descoñecidos. Collino, empeceino a ler e o libro tranquilizoume. Despois seguino a través doutros mundos, mentras o meu universo imaxinario se ía extendendo. 
Que alegría ter un novo libro nas miñas mans! Ao principio non sabes de que trata, resistéste á tentación de abrilo pola última páxina, e que ben ule! Ten un aroma especial a libro, un aroma excitante e único.
A medida que vas medrando o mundo vaise complicando. Enfréntaste a cuestións que incluso un adulto é incapaz de resolver. Sen embargo, é convinte poder compartir as dúbidas e os segredos con alguén, e aquí é cando o libro vén na túa axuda. Probablemente moitos de nós plantexámonos algunha vez: eu escribín este libro! E, de pronto, o personaxe favorito parece ser coma ti e incluso vive os mesmos problemas; outro personaxe non se parece en nada a ti, pero queres que sexa coma o teu ideal, valente e capaz!
Faime rir cando un rapaz ou unha rapaza me din "non me gusta ler"; non lles creo, seguro que comen xeados, xogan e ven películas moi interesantes. Noutras palabras, gústalles divertirse. A lectura, fronte ao desarrollo dos sentimentos e a personalidade, non é unha tarefa tan agotadora, se ben, ante todo, é un grande pracer.
Precisamente, esta é a intención dos autores que escriben libros para nenos! 

Tamén a editorial Anaya fixo esta fermosa ilustración co título "Abraza un libro, abraza un amigo", que podedes ver aquí e na biblioteca do cole! E a vós, que tanto vos gustan os abrazos, cal será o próximo libro que abracedes?